Nin que dicir ten, que estamos na era da información e diariamente enfrontámonos a unha chuvia intensa de novas, na que en moitas ocasións formúlanse importantes dificultades á hora de establecer un mínimo criterio de racionalidade e sobre todo de credibilidade. Facelo, suxire un importante esforzo e sobre todo unha profunda reflexión. A continuación amosarei, noticias que sen pasar desapercibidas, entendo que ao mellor non lles prestásemos a atención que merecen e que tomadas de xeito illado non parecen ter relevancia, pero que se as analizamos no seu conxunto e lle engadimos que tiveron lugar nun breve espazo de tempo, me deron pé ao título do presente artigo.
O primeiro foron os “Presupuestos Generales del Estado para el 2015”,qque se sustentan nunha previsión de crecemento para a eurozona de polo menos un 2% para o devandito ano, o que indubidablemente condicionará a evolución de España en función do resto de Europa.
Seguiuno unha revisión de Alemaña á baixa na súa previsión de crecemento económico para o último tramo do 2014 e todo o 2015 sobre un 0.8% menos, mentres que España fixo o mesmo, pero á alza.
As exportacións de España, caen un 5,2% en Agosto deste ano, motivado sobre todo á paralización de Europa (Francia e Alemaña), acompañado da importante caída nas compras no exterior dos países emerxente, feitos, que polo menos, deben cuestionar a recuperación económica da que o Goberno tanto presume. En só un mes, case deixa sen percorrido todo o crecemento na exportacións españolas acumulado ata xullo: un 8,6%.
Continuamos cun informe do Banco de España, onde sinala que o patrimonio financeiro ou a riqueza neta das familias españolas no segundo trimestre do 2014, incrementouse un 30,9 % respecto ao ano pasado, sobre todo motivado pola boa marcha da bolsa no primeiro semestre do ano, o que tamén provoca que o número de millonarios en España crezca un 24 % ata xuño. Paralelamente increméntase o número de fogares españois onde non traballa ningún membro da familia, o número de persoas atendidas por organizacións sociais, o número de desafiuzamentos… provocando unha cada vez maior desigualdade social.
En xullo, os inversores sacaron de España 1.300 Millóns de euros máis do que se incorporaron, o que supón un 62,5 % máis ca cifra rexistrada hai un ano: 800 Millóns, segundo amosa a Balanza de Pagos que publica o Banco de España, donde se reflicte este saldo deficitario de capital que sae fora do país, provocando unha menor liquidez, aspecto que por desgracia non compensan as Entidades Financeiras. Para que nos resulte comparable esta cantidade de menos 1.300 Millóns de euros, dicir que o mes anterior (xuño) o saldo resultou positivo en 6.700 Millóns.
Ao mesmo tempo, España está fortemente endebedada onde o seu déficit acada para finais do 2014 preto de 99,5 % do PIB, o que provoca por exemplo que a maior partida orzamentaria para o 2015 sexa o pago de intereses (logo haberá que engadir a devolución da Débeda). Lembrar que no 2008 a Débeda Pública representaba un 40 % do PIB, o que nestes intres obriga a redireccionar unha gran parte dos nosos recursos ás obrigas financeiras. Imaxinemos que este diñeiro pudiéramos invertilo en sanidade, educación, formación laboral e emprendedora, investigación e desenvolvemento, etc.
Engadiremos a esta tormenta, que o pasado 15 de outubro, a bolsa de Madrid tivo a maior caída dende Xaneiro, retrocedendo un 3,59% (por debaixo dos 10.000 puntos), pero é que tamén retrocedeu Milán cun 4,4%, París un 3,63% e Fráncfort cun 2,87%.
Resumindo, creo que estes son datos abondo, para apreciar que estamos ante unha cicloxénese económica que se me antolla de difícil dixestión e que formula un escenario probable de sucumbir a unha terceira recesión económica. Teño a sensación, que tanto en Europa coma en España, nestes últimos 8 anos non aprendemos nada ou moi pouco, e seguen xogando un gran papel as políticas especuladoras dun capitalismo rancio que necesita redefinirse. Opino que outras estratexias/modelos económicos existentes e que están funcionando con certa fiabilidade e solvencia, aínda non sendo a panacea, como pode ser a Economía Social ou mesmo a Economía do Ben Común poderían contribuír, aínda que só sexan pequenos matices a un cambio de rumbo social e económico.
J. Gómez Cabo