Ducha fría para as empresas
Case un ano despois de que a UE levantara o veto de importar conservas de atún dende Thailandia, as empresas galegas do sector seguen reclamando aos responsables deste organismo que se aprace a medida, como xa acontecera no ano 2008. Por aquel entón concedéuselles a prórroga a causa da xestación dunha crise que, para este caso en particular, suporía un paréntese no que poder mellorar as súas infraestruturas e así facer fronte á supresión de aranceis que veñen de entrar en vigor.
Pero cinco anos non foron suficientes para que as conserveras se decidisen a deixar a auga quente dunha ducha longa e demasiado cómoda. Agora, de pronto, esgotouse o gasóleo da caldeira e o impacto vólvese moito máis brusco.
Por iso, dacordo con cardiólogos ou mesmo dermatólogos, dende Xedega insistimos nos beneficios dunha ducha de auga fría de cando en vez, tanto mellor se é por vontade propia que forzados polas circunstancias. Abrirse a outras opcións, escoitar novas formas de pensar, contemplar o futuro como unha oportunidade máis que como unha carga… Todas estas sensacións, esa auga morna que poña a pel de galiña, fará en primeiro lugar que, como organismo, a empresa se sinta viva. E en segundo que empece a ser capaz de calibrar as reaccións que poida experimentar cando a auga salga aínda máis frita cando as condicións do mercado a obriguen a cambiar ou non lle quede máis remedio que facelo para asentar as bases dun futuro que potencia cada día as súas posibilidades.
A agua fría como previsión
Pero, como nunha extensión da facilidade natural de acomodarse ao bo, as empresas que non se atreven a baixar a temperatura da súa agua só se decatarán do beneficiosa que resultaba a súa situación unha vez a teñan que abandonar pola forza. Neste sentido, a agua morna non só servirá para facerse á idea dos perigos, senón tamén para tomar conciencia dunha coxuntura favorable e saber mantela mediante a avaliación das súas deficiencias e fortalezas para poder aplicalas nos momentos nos que non abunde o gasóleo.
En definitiva, sen pretender someterse ao impacto que pode supoñer semellante choque de temperatura, facelo si será útil para cambiar unha mentalidade cortoplacista cada vez máis extensa, e tamén para percibir a capacidade que todos temos para poder influír na nosa contorna desde a perspectiva de intrusos que chegan xa curtidos e afeitos a baños xeados.
Un chorro de responsabilidade
Por iso, este simple xesto, este cambio de enfoque que todos poden levar a cabo cada mañá durante un par de segundos, resulta tamén un acto de responsabilidade individual cara a un maior coñecemento do ámbito e unha maior tolerancia e capacidade de adaptación cara aos elementos máis descoñecidos. Baixar a temperatura mentres poidamos supoñerá atrasar a recompensa, pero tamén un paso definitivo para conseguir asegurarse de que, en efecto, esa recompensa estará aí. Todo un exercicio de ver máis alá do horizonte máis inmediato para, ademais, aprender a gozar do camiño cara a un máis afastado pero tamén máis nítido.